Saturday 04 de May de 2024

A Comisión Superior de Dereito Civil Rexeita a tributación das transmisións sucesorias en vida que propón o Goberno Central


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión deste órgano consultivo que elaborará un pronunciamento no que se exporán os motivos do rexeitamento e que se enviará aos grupos parlamentarios

A Xunta considera que o proxecto lexislativo estatal vulnera os principios de igualdade e neutralidade e establece unha presunción xeral de fraude nunha figura arraigada do Dereito Civil galego

A Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil galego rexeitou hoxe, nunha reunión do seu pleno presidida polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o proxecto de lei de medidas de prevención e loita contra o fraude fiscal do Goberno central que inclúe unha modificación na tributación dos pactos sucesorios no IRPF.

O órgano consultivo elaborará un pronunciamento no que exporá os motivos desta nova regulación que introduce a tributación das transmisións sucesorias en vida sobre os pactos sucesorios, unha figura propia do Dereito Civil galego. O documento remitirase aos grupos parlamentarios.

A Constitución Española, o Estatuto de Autonomía e as normas sobre dereito civil recoñécenlle á Galicia a competencia para aplicar na realidade galega a transmisión de bens e dereitos antes do falecemento, como se vén facendo mediante a Lei 2/2006 de Dereito Civil de Galicia que regula estes pactos e que permitiu que máis de 142.000 galegos e galegas recibiran bens por esta vía desde 2016.

Por iso, a Xunta considera que vulnera os principios de igualdade e neutralidade do sistema tributario en comparación coas herdanzas por falecemento. Tamén alega que o proxecto no que traballa o Executivo estatal vai en contra das costumes e institucións do dereito civil propio de Galicia, ao pretender obrigar aos beneficiarios dun pacto sucesorio a manterse na titularidade dese ben para evitar o incremento fiscal no IRPF, do que ata agora estaban exentos.

Por outra parte, o Goberno galego tamén considera que o proxecto lexislativo estatal establece unha presunción xeral de fraude nunha transmisión lícita arraigada no ámbito do Dereito Civil galego, o que amosa un descoñecemento do sentido dos pactos sucesorios na comunidade. Deste xeito, a reforma que está a tramitar o Goberno central dedúcese que se o ben se vende antes do falecemento da persoa que realiza a transmisión trátase dun fraude e sen posibilidade de probar ese feito e, por tanto, admitir proba en contrario.

Ademais, advirte de que a nova medida prexudicará aos cidadáns que se benefician das transmisións en vida pola necesidade de contar cun apoio patrimonial ao recibir en anticipo os bens que lle corresponden en herdanza e poder dispoñer así de liquidez para formar unha familia ou emprender unha actividade profesional. Nesta liña, a Xunta defende que as herdanzas en vida permiten dinamizar o patrimonio ao transmitir, por exemplo, propiedades de pais a fillos para poñelas en valor, así como favorecer a sucesión nas empresas.